Xornadas de fundraising para a promoción do mecenado universitario

379x535-xm1Duvi | Vigo
A cuarta edición das Xornadas de fundraising para a promoción do mecenado universitario arrancan mañá xoves da Fundación Barrié de Vigo coa participación de máis de 85 persoas. Nesta nova edición da cita organizada pola Reitoría da Universidade de Vigo en colaboración co Consello Social e a Conferencia de Consellos Sociais está marcada pola internacionalización. Ao longo das dúas xornadas e a través de mesas redondas, conferencias e relatorios, os ponentes abordarán temas como a obra social, a marca pública universitaria, as redes sociais, o libro branco sobre mecenado universitario e os observatorios de antigos alumnos.

As xornadas están dirixidas a xerentes, investidores, administradores, creadores de tendencias, directores científicos, directores de márketing, etc. co obxectivo de dar a coñecer as iniciativas que marcan as tendencias xerais de investimento privado nas universidades e comparar modelos para a busca efectiva de mecenas potenciais en proxectos universitarios. Paralelamente debaterase sobre a estrutura que permita nas universidades un financiamento privado e continuado de tipo estrutural, así como sobre a identificación de canles que favorezan a xestión de proxectos tractores en I+D+i e a promoción de sinerxías para a xestión de programas de talento universitario que resulten sostibles.

Nestas xornadas daranse a coñecer tamén algúns dos casos de mecenado universitario internacional que van máis aló dos programas tradicionais de bolsas, legados, premios ou patrocinios, así como os cambios que a filantropía actual está a producir no modelo tradicional de universidade, ao establecer un novo marco de relacións entre académicos, axentes sociais e mecenas.

Referencias internacionais a casos de éxito propios

As xornadas arrancan este xoves ás 10.00 horas cun acto inaugural no que estarán presentes o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e os presidentes dos consellos sociais das universidades de Vigo e Oviedo, Ernesto Pedrosa e Lalo Azcona. 15 minutos despois dará comezo a primeira mesa de discusión, moderada pola directora do Rockefeller Philanthropy de Londres, Donzelina Barroso, que se centrará na obra social e nas tendencias e desafíos para o futuro da financiación universitaria. Neste debate participarán o xerente do Instituto Tecnolóxico de Israel Technion Haifa, David Shem Tov; a vicerreitora de Relacións Internacionais e Cultura da Universidade de Porto, Fatima Marinho; o catedrático de Finanzas da Nova School of Business Economics de Lisboa Pedro Santa-Clara e o xerente de AFundación, Pedro Otero.

A sesión de mañá continuará coa presentación de casos de éxito de proxectos científicos, tecnolóxicos, xurídico-sociais e culturais que encaixen en tres modelos diferentes de márketing. Un deles é o B2B (entre entidades), ao que responde o caso da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa, Crusoe, e o programa de mobilidade macrorrexional de Galicia e norte de Portugal, Iacobus. Outro dos modelos é o B2C (de entidades a consumidores) no que encaixan os exemplos de Campus do Mar ou a Cátedra Telefónica e finalmente abordarase o P2P ou entre pares, un concepto de marca persoa no que encaixan as cátedras internacionais de excelencia Jean Monnet ou a I Cátedra Internacional José Saramago. Para explicar cada un destes casos contarase coa presenza de Carlos Ramos, vicepresidente do Instituto Politécnico do Porto; Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia; José Cidrás, director da Cátedra Telefónica; Fabián García Pastor, xerente de Relacións Institucionais de Telefónica; Emilio Fernández, director do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar; José Manuel Silva, doutor honoris causa da Universidade de Vigo e exdirector xeral na Comisión Europea; Celso Cancela, responsable do Centro Europeo de Excelencia Jean Monnet da Universidade de Vigo; Maribel Doval, investigadora principal do Centro Europeo de Excelencia Jean Monnet da Universidade de Vigo; Fernando Aguiar-Branco, presidente da Fundación Eng. António de Almeida de Porto e Burghard Baltrusch e Carlos Nogueira, director e asesor técnico, respectivamente, da Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo.

A primeira xornada completarase en horario de tarde cun obradoiro centrado nas redes sociais e en como financiar unha campaña a través de internet, que será impartido pola docente asociada do Pratt Institute de Nova York Sandra Davila.

O venres: o Libro branco do mecenado universitario e os observatorios de antigos alumnos

As xornadas rematarán o venres en horario de mañá cunha mesa redonda sobre o libro branco sobre mecenado universitario da man de José Pedreira, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Oviedo e cunha presentación de diferentes experiencias de observatorios de antigos alumnos. Nesta última sesión abordaranse temas como as vías para implicar as e os egresados na vida universitaria, as ferramentas e os recursos precisos para facelo, etc. Para presentar iniciativas consolidadas neste eido intervirán Noelia Sanz, directora executiva da Oficina de Alumni da Universidade de Navarra e Alberto Brito, responsable de Relacións Institucionais da Federación Alumni España.

Comments are closed.